Saturday 20 de April de 2024

Amplíase o prazo para se inscribir no concurso Galeguizando TikTok


A Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), informa de que se amplía o prazo para se inscribir e envia-los vídeos para o concurso Galeguizando TikTok, adscrito á programación impulsada para conmemora-lo Día da Patria Galega, no 25 de xullo.

Deste xeito, a data límite para a inscrición amplíase ata o día 5 de agosto e para o envío das pezas audiovisuais disponse ata o día 15 de agosto. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e segui-lo formato da app TikTok. As persoas participantes, que deben ter trece anos ou máis, terán que se anotar e face-la entrega da peza mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal.

Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e estabelécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ao máis orixinal, ao máis divertido e ao máis creativo.

As bases están ao dispor na páxina web www.apobra.gal.